O proxecto botou a andar co obxectivo de deseñar probas que permitan a acreditación do coñecemento de lingua galega de acordo cos parámetros marcados por ALTE (Association of Language Testers in Europe).
O Proxecto botou a andar no CIRP en maio de 2004 co obxectivo de deseñar probas que permitan a acreditación do coñecemento de lingua galega de acordo cos parámetros marcados por ALTE (Association of Language Testers in Europe) e o Consello de Europa. Así mesmo, do proxecto deberán saír os protocolos de actuación para poñer en marcha esas probas e os descritores dos coñecementos esixidos para a superación de cada un dos niveis.
A primeira publicación foi o Marco europeo común de referencia para as linguas: aprendizaxe, ensino, avaliación (2005), que é unha reelaboración daquel As linguas modernas: aprendizaxe, ensino, avaliación. Un marco común europeo de referencia que en 2001 publicou a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. A actual tradución recolle esa antiga versión, corrixida e posta ao día seguindo as actuais versións dos diferentes Marcos publicados en portugués, catalán, castelán e inglés, no desexo de ofrecer a máis recente versión do documento emitido polo Consello de Europa coas oportunas recomendacións para o ensino, aprendizaxe e avaliación das linguas oficiais da Unión Europea.
ALTE homologou en maio de 2005 o Celga 2, proba correspondente ao nivel B1 do Marco. Así mesmo, en novembro de 2006 fixéronse públicos os Niveis de competencia en lingua galega, documento no que se describen as competencias comunicativas que ten que manexar o usuario para superar as probas correspondentes aos diferentes graos de coñecemento en lingua galega.
Na actualidade están homologados os exames para a obtención dos certificados de Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4 correspondentes aos niveis A2, B1, B2 e C1 do Marco europeo común de referencia para as linguas. O certificado de Celga 5 correspondente ao nivel C2 pode obterse unicamente mediante validación.
Dirección/Coordinación
Elvira Fidalgo.
Persoal vinculado
Margarita Chamorro Díaz, Manuel Núñez Singala, Xaquín Núñez Sabarís, Rocío Barros Lorenzo, Luís Ángel Martínez Antelo, Inmaculada Seage Freire e Ivonete da Silva Isidoro (colaboradores).
Lucía Rodríguez Caeiro (persoal contratado).
Publicacións resultantes
Marco europeo común de referencia para as lingua: aprendizaxe, ensino, avaliación (2005).
Niveis de competencia en lingua galega (2006).
Glosario de termos para a avaliación de linguas (2007).
Actividades científicas organizadas e previstas
Participación en reunións científicas, congresos, encontros, cursos e outros eventos
O grupo asiste a todas as reunións convocadas por ALTE en calidade de membro pertencente á organización.